Friday 03 de May de 2024

Inés Rey: “Os selos de calidade do Ministerio confirman a fortaleza e a mellora continua do noso sector turístico”


14 empresas e establecementos turísticos reciben os primeiros distintivos SICTED que reforzan a posición da Coruña como destino de referencia a nivel nacional

Un total de 14 establecementos, institucións e empresas turísticas recibiron hoxe os primeiros selos de calidade turística SICTED para o Destino A Coruña. A cidade comeza así a implantación do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), que depende da Secretaría de Estado para o Turismo, un proceso ao que poden unirse máis establecementos e empresas que poden optar ao selo tras pasar unha formación específica e cumprir cuns requisitos de calidade turística.

“Trátase dun paso máis no camiño de mellora do turismo na nosa cidade, unha cidade disposta sempre a recibir aos visitantes, unha cidade acolledora e cun sector turístico do que estamos moi orgullosos. Estes selos confirman a fortaleza e a mellora continua do sector”, expresou a alcaldesa, Inés Rey, no acto de entrega das distincións.

As firmas coruñesas que contan cos primeiros selos son: Rubine e Hijos Consignatarios, A Coruña Convention Bureau, Hotel Riazor, Global Azaga Congresos, Restaurante Eclectic, MEGA Mundo Estrella Galicia, Restaurante Pencil&Fork, EXPOCoruña, Torre de Hércules, CIAV-Oficina Turismo, Viajes Embajador, Turismo de A Coruña, PALEXCO e Hotel Attica 21.
Neste selo SICTED teñen cabida todo tipo de establecementos que se dediquen ao turismo, desde hoteis ou restaurantes ata axencias de viaxes ou oficinas de información, que fan un traballo fundamental día a día orientando aos visitantes.

“Na Coruña seguimos a traballar para incrementar a satisfacción da cidadanía, o que axudará tamén a reforzar a elección de destino dende outras comunidades autónomas e países”, expresou Inés Rey, que felicitou aos e ás galardoadas por participar “na mellora dos servizos, da calidade e da atención a todas as persoas que deciden visitar a cidade”.

Na web de Calidade en Destino España (www.calidadeendestino.es) xa figuran as empresas coruñesas que están acreditadas na Coruña.